Que Olvier Arson é un dos investigadores de texturas máis interesantes de nosa era xa quedou plenamente corroborado no seu LP “Alyx” (2018) e tamén no seu traballo para as bandas sonoras das series de “La Zona” e “Antidisturbios”. En calquera destas variables, o músico francés sempre conseguiu difuminar os límites entre bruma ambient e agresión industrial, pero tamén de como mutar a espiral drone en po sónico e toda metamorfose que convide á indución instantánea coas súas texturas cortantes, e afiadas. Esta metodoloxía é a que condensou no primeiro dos dous cortes que compoñen este traballo, e que lle poñen título, onde temos a sensación de estar ante a desintegración atómica dunha mole tallada por Ben Frost. En todo momento, as diferentes velocidades parecen estar endiañadas por un espírito de fricción constante, modelando un electroshock de proporcións atómicas.
Só por esta primeira experiencia, o novo paso realizado por Territoire estaría máis que xustificado, pero nada terá sentido sen “Alliage”, o outro extremo, que emerxe como o rastro de fumareda xurdida tras o incendio xerado no primeiro acto.
En “Alliage” somos conscientes da pulverización do son. Metáfora da desintegración, que evoca desertos distópicos, metálicos. O son das fábricas no baleiro. Tétrica sinfonía noise, por momentos, lindeiro co Fennesz máis minimalista.
En definitiva, unha nova peza mestra nunha construción sonora con visos de alcanzar cúspides que atenten contra a interacción consensuada entre ruído e membrana auditiva.
Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestra web. Si sigues utilizando este sitio asumiremos que estás de acuerdo.Vale