Coñecido polo seu proxecto musical como como Pantis, Rubén Domínguez é un dos axentes culturais que otorgan de identidade e enerxía á escena do arte e música galega contemporánea. Rubén é un artista multidisciplinar que fala dende o corazón e sen dobres estándares. A través dos anos houbo, entre moitos outros, tres momentos que para mín definiron a Rubén non só como artista pero como icono.
O primeiro foi tomar consciencia do traballo que Rubén produce incansablemente e cómo este moldeou os gustos e sentementos de pertenza da escena galega da miña xeración e as inmediatamente seguintes. Rubén Domínguez foi parte de múltiples proxectos da escena alternativa galega: Cudevaso, JIJIJI, Metralletas Lecheras, Teléfonos Rouges e máis recentemente Chicharrón. Rubén acompañou os seus proxectos e os de outrxs artistas ca súa producción audiovisual e de deseño, asinando para bandas como Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha, Franc3s ou El Columpio Asesino. En 2010, xunto coa súa parella, a fotógrafa Mar Catarina (Chicharrón, Esposa), creou o estudio de deseño e discográfica Prenom, onde traballou facendo videoclips e deseños para numerosas bandas, que ademáis, está a actuar como un dos poucos rexistros audiovisuais e culturais da escena underground galega. Cun carácter intimista e experimental, Prenom torna a mirada cara nós mesmxs, captando a vida en Galicia sen pretencións nin axenda.
O segundo foi darme conta do qué move a Rubén. Como a maioría de sentementos, este édifícil de explicar obxetivamente. Hai momentos e persoas que unha pode recoñecer polo nivel de verdade que existe nelas. Estes son os que a maioría buscamos sen descanso, que dan sentido á existencia ¿Cantas veces vemos unha película, unha paisaxe ou escoitamos a alguén falar, e inúndanos unha sensación de alcanzar unha verdade eterna? ¿Un pálpito que existe con forza propia? Rubén é paixón sen consciencia de sí mesma nin pretensións, é unha declaración que non precisa de argumentos.
A terceira vez foi cando Rubén demostrou unha ética que xa non espero encontrar na maioría das persoas, e por iso é importante recoñecela e protexela. Nun mundo como é o do arte, a música e a farándula, é difícil decidir canto de permisivas podemos ser ca personalidade dun bo artista, dun artista querido polo público e que move diñeiro. Son moitas as veces que se pasan por alto as inxustizas cometidas por personaxes célebres. Para sorpresa de moitas persoas e admiración de moitas máis, Rubén delimitou unha liñaque a veces resulta borrosa, entre o que é admisible na escenamusical alternativa galega e o que non. Para moitas o Underground non é un estilo, é unha forma de vida. É unha forma de vida que respeta a liberdade e os dereitos humanos cando o mainstrean os abandona. Isto significa unha política de cero tolerancia á discriminación e abuso de xénero, ó racismo e a homofobia, entre outras conductas opresivas. Rubén erixiuse para facérnolo recordar cando facía falta.Que non se nos esqueza nunca.
O ano pasado, Rubén presentou co seu proxecto Pantis o disco Baldíos. Nesta entrevista falaremos da produción de este disco, das súas intencións e a súa forma de traballo:
O álbum Baldíos gravouse en diferentes localizacións entre 2017 e 2019 (San Vicente, Santiago de Compostela, Rabat, Helsinki, Madrid e San Sadurninho) e algúns títulos das cancións fan referencia a diferentes lugares, espazos e momentos, por exemplo Campos, Helsinki, Cons de noite ou Restaurante chino. ¿Que representan estes lugares?
Trala saída de “Pranto” no 2016, comecín a explorar novas orientacións para o proxecto que foron importantes e case definitorias por algún tempo, pero pouco despois, caían ou perdían o meu interese. Ao final, xuntinme con pequenas pezas desleixadas de moitas formas e estilos que tiñan unha vinculación moi directa cos lugares nos que foran creadas dun ou outro xeito. Foron tres anos e pico de idas e vindas, nas que pasín tempos dispares nestes sitios que tinguiron os focos nas composiciónsen relación á arquitectura dos espazos e a configuración humana dos mesmos. Por outra parte, traballar con FruityLoops fai que tenda a xerar composicións moi segmentadas en base a loops e acostuman a ter unha estrutura moi evidente que me agota facilmente.
A miña idea ao crear o disco era que nestas pequenas “parcelas” se desdibuxaran os límites da propiedade ou da identidade para construír territorios sen marxes, contaminados uns dos outros, comúns, de articulación colectiva: Percibir o que se sinte cando ves Aguiño –Ribeira- desde O Carreiro -San Vicente- cando estás chegando nun barco a Helsinki; entrar nun Restaurante Chino de Madrid e verme gravando a Mar en Casablanca.É por iso que quixen empregar o collage paradeconstruír parcelas en baldíos, eiras en senras, tiras en montes comunais.
Na túa propia experiencia, ¿que importancia ten a paisaxe que nos rodea ou na que criamos na nosa personalidade artística?
Na miña forma de crear inflúe, principalmente, a arquitectura e o urbanismo, quizais polo lugar no que nacín co influxo destrutivo do turismo na paisaxe, e acostumo a atopar semellanzas entre as construción dos espazos e a construción dos temas. Non saberías describir cales son os resortes exactos que me conducen da percepción dos lugares á composición musical, pero teño interese polos extrarradios, polos lugares de paso, nos que se está por algún motivo pero nos que non se habita; non desde a fascinación baleira, senón desde a crítica á deshumanización, o capitalismo e ás relación sociais que se establecen neses marcos.
¿En que se inspirou este álbum?
Facía tempo que quería crear algo inspirándome no EP “MotherisTheMilkyWay” de Broadcast que é un disco que me flipa a niveis moi tolos. A primeira vez que o escoitín deume a sensación de que de repente me desprendía do meu corpo para entrar a habitar nel. Ten unha organicidade e unha intimidade desbordante, nun collage que non renuncia á canción e no que os elementos electrónicos se integran emocionalmente. Por outra parte, unha semana antes de que decidira publicar o disco, asistín a unha performance sonora de Javi Álvarez na clausura da exposición “Ecos de Ibiza” de Irene de Andrés. Tanto unha coma a outra influíronme na construción que fan a partir de pedazos propios e alleos, reflexionando sobre a configuración dos espazos, as relacións humanas e os ecos sonoros que desprenden.
Xunto co álbum, creaches unha película de 16 minutos que presenta as cancións do álbum, usando un collage de imaxes e textos. ¿De onde veñen e cal foi o criterio de selección?
As imaxes son un conglomerado da miña vida e de tomas non empregadas de vídeos musicais que realizamos en Prenom. Desde os quince ou dezaseis anos comecín a gravar case todo o que pasaba na miña vida, con moitos momentos de autorrepresentación, amigos e proxectos inacabados de curtametraxes ou rexistros íntimos da realidade. Na mesma liña que a música, son rastros, pezas á deriva, descartes, elementos inacabados que na posta en común constrúen o significado. O texto que se reproduce nos subtítulos é de 2005, un tratamento esquemático e inocente dunha curtametraxe que quería realizar cando tiña dezasete anos que se quedou aí. Por iso, paréceme interesante traballar coa idea da suspensión, e das suspensións interrelacionadas.
O álbum está editado por Prenom, que ademais de selo discográfico, é un colectivo audiovisual que comezaches con Mar Catarina. ¿Cal é o motivo do proxecto Prenom?
Prenom comezou coma un espazo de creación na relación entre Mar e eu. Un lugar para a liberdade, a intimidade e a experimentación, sen ansiedades ou obxectivos claros. Deixamos que a vida fose moldeando o proxecto e, dese xeito, pasamos de realizar vídeos, facer fotos e deseños a editar discos con naturalidade, co primeiro de Chicharrón. Pero non é unha discográfica ao uso, nin pretende expandirse en exceso ou converterse nunha empresa cultural das que nos rodean. Todo o (pouco) que editamos ten a nosa presenza aínda que esta non é suficiente para que os proxectos estean en Prenom. Hai un fío que conecta as edicións, os vídeos, as imaxes e procuramos que cada unha sexa un paso novo na nosa narrativa particular. En setembro publicaremos un disco moi especial do proxecto catoirense Espírito do 72 e, porén, Chicharrón e Esposa xa non editarán os seus vindeiros traballos con esta etiqueta. Gustaríanos ter un pouco máis de solvencia para poder publicar algunhas cousiñas que por falta de medios nos é posíbel, pero, pouco a pouco, imos construíndo unha pequena historia íntima, apegada ao lugar do que vimos.
¿Como varían os teus shows en vivo do álbum?
Integrín algunhas das cancións do disco no directo, facéndoo máis diverso nas formas do que era anteriormente. Mólanme eses cortes e caos salpicados por toda a performance e creo que o enriquece. Últimamente o discurso no directo volvérase moi fixo e estas novas orientacións danlle e danme vida. Gustaríame nun futuro incorporar máis elementos aos directos que me permitiran controlar máis os tempos, a intensidade e a emoción dos momentos, pero sen pasarme e converterme nun ser que pulsa botóns e xira rodas. Penso que a expresión física é moi importante no que fago.
Agora vives en Madrid ¿Consideras que é máis fácil ter unha carreira artística alí, ou en xeral, nunha cidade grande que en Galicia?
Venme á cabeza o que dicían os TAB nalgunha entrevista de que se estivesen en Madrid non poderían vivir da música e estando en Boiro teñen un refuxio para desprenderse de todo o superficial. Tamén penso no Hevi ou en Camille, creando desde a tranquilidade das aforas de Compostela e o rural profundo de Ourense, respectivamente. Nese aspecto, considero que unha carreira dentro do mercado é máis fácil de conseguir establecendo a base dos contactos nas capitais –tamén pasa en Galiza-. Os medios de comunicación e produción están concentrados aquí e, salvo contadas excepcións, a periferia é vista como algo exótico do que “picotear” segundo o estado da cuestión. Se alguén pretende entrar na roda dos festivais é necesario estar presente onde se producen os intercambios económicos, pero iso non garantiza nada. Como toda relación deste tipo, hai que traballar as relacións e o “saber estar” no momento. Nese aspecto tamén me mola o Chicho cos seus proxectos, indo á súa bola, triunfando bastante aquí con base en Compostela ou Lorena Álvarez, petándoo desde Asturies e o rural andaluz.
Dado que es músico e artista visual, ¿poderías recomendar unha película e unha canción que teñan unha vinculación para ti?
Lieber Honig de Neu! é un tema moi belo, no que o son orgánico da auga parece unha construción humana, mólame a intimidade que desprende e o estrañamento que produce. O filme D’Est de Chantal Akerman é unha pasada. Bueno, todo o que vin de Chantal Akerman é a hostia. Neste filme, o tempo, os lugares e as persoas que agardan, constrúen unha realidade penetrante que te captura durante toda a metraxe.
¿En que estás a traballar agora?
Estou rematando –aínda que levo dicindo isto sete meses- un proxecto de LP que se vai chamar “memoria nova” e que sairá a principios do 2021.
Teresa Ferreiro trabaja en dirección y gestión cultural y gestión de medios. Es escritora y editora en Ruido de Fondo. Doctora en Bellas Artes y Estudios de Género (Universidad de Vigo) y es artista de cómic, ilustradora y DJ.
Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestra web. Si sigues utilizando este sitio asumiremos que estás de acuerdo.Vale