Crónicas do Ciclo Vangal ou a expresión cultural como ben necesario.
Gustaríame facer unha reflexión sobre como en ocasións identificamos o terreal co efémero, o transitorio.
Fomos educadas nun sistema capitalista, obsesivamente centrado nos recursos tecnolóxicos e en novas formas converter o que nos rodea en produtos, en transformalo todo en capital e o máis rapidamente posible. Mesmo en converternos a nós mesmas en produtos, a través de plataformas como Instagram, Tik Tok e o que quede por chegar.
Camille Hedouin, coñecida polo seu nome artístico Mounqup, creou un proxecto no que defende e confirma todo o contrario: a transcendencia da terra, a inmortalidade da natureza, o vínculo emocional entre nós e o que nos rodea. A potencialidade do cambio e a fortaleza que existe na autosuficiencia.

A presenza e personalidade de Camille Hedouin no escenario é algo que deliberadamente axuda a que sexamos incapaces de escapar a esta mensaxe. Durante a actuación, non parece dubidar do que quere e de como vai conseguilo. A súa presenza é unha forza da natureza. Desprázase polo espazo con movementos corporais en constante conexión co ritmo da peza. Mesmo cando se trata de ritmos máis sosegados, as súas mans esténdense e se moven tratando de facer chegar mellor a súa mensaxe. Os seus dedos tocan, como nun piano invisible, cada unha das notas que estamos a escoitar.
A súa voz ten a capacidade de levarche a espazos completamente distintos en milésimas de segundo. Hedouin sostén agudos que che parten o corazón e rumorea frases que che namoran.

Todo isto faino in situ, a través de loops realizados en vivo e tamén gravacións de sons daquilo que lle rodea onde vive, unha zona completamente rural de Galicia. Estes sons transfórmanse en melodías electrónicas que varían entre a experimentación industrial e os ritmos folk africanos.
O seu concerto para o Ciclo Vangal, na Igrexa de San Domingos de Bonaval, acentuou aínda máis, debido á localización, o carácter espiritual do proxecto de Mounqup. Tamén – e posiblemente debido a que xusto antes dera unha charla sobre o seu traballo – Camille párase entre canción e canción para falar connosco, para explicarnos como gravou certos sons, de onde veñen, que significan. Utiliza o humor e a informalidade para transformar un concerto nunha nave inmensa, nun momento íntimo.

Sobre a antiga pedra dos muros da igrexa, vese a realización do seu acompañante neste concerto, o artista visual Gael Carballo Seara; achegando visuais que mesturan vídeos en directo de Camille, de detalles esféricos e imaxes de arquivo meticulosamente escollidas.
En engadido, Mounqup regalounos melodías aínda en proceso de ser publicadas, e tamén unha reinterpretación de Amédée Pierre, un cantante de Costa do Marfil, nacido en 1937. A canción é “ Moussio Moussio”, e aínda que a orixinal ten un ritmo alegre de salsa, non deixa de ser unha canción de concienciación social e desoladora. Pierre canta sobre a morte da súa filla.
Mounqup toma estas palabras coa voz belísima que a caracteriza e achega a súa propia melodía. A súa filla pequena a mira sentada nunha esquina dun dos arcos da igrexa.
Enmudecimos todas, agradecidas de ser testemuñas dunha escena tan bela.
