Crónicas do Ciclo Vangal ou a expresión cultural como ben necesario.
LAURA LAMONTAGNE & PICOAMPERIO @ IGREXA SAN DOMINGOS DE BONAVAL
É difícil conmover.
É un obxectivo que todas as artistas buscan, en menor ou maior medida. a capacidade de comunicar dunha maneira que sexa incapaz de ser ignorada. Non só ser escoitadas, non só ser apreciadas, pero que esa mesma voz atravese os muros das paredes máis íntimas do público, que a voz permaneza. Que a execución sexa sublime. Para iso, hai moitos elementos que deben funcionar e enlazarse limpa e correctamente. Require unha disciplina, un talento e, ás veces, tamén sorte.
Laura LaMontagne e PicoAmperio representan unha desas voces cuxa beleza, en ocasións, parece que fai dano, como o síndrome de Stendhal. Cuxos múltiples niveis de acción xa che convenceron antes de que ti saibas o que está pasando.
Comeza o concerto de Laura LaMontagne e PicoAmperio, o único que se realiza durante a mañá dos ciclos Vangal. Localizado na igrexa de San Domingos de Bonaval de estilo gótico e renacentista. A luz fíltrase polas xanelas de máis de nove metros de alto, xerando un ambiente luminoso e diáfano.

Primeiro aparece PicoAmperio, saúda coa actitude cordial e humilde que o caracteriza, e sóbese ao escenario. Onde normalmente habría un ambón para a lectura da misa, agora están os seus pratos. Enseguida se centra no inicio dunha melodía trip hop alegre e ensoñadora.
O talento e gusto como produtor de PicoAmperio é indiscutible, con melodías Hip Hop ou Trip Hop, moitas veces misteriosas. Diseñadas para ser o perfecto acompañamento dunha voz chea de personalidade. Unha voz que parece, ao mesmo tempo, a reminiscencia dun ser espiritual e dunha muller gardiá, cuxos mensaxes e a súa relevancia transcenden as fronteiras do tempo e do espazo, pero que son especialmente significativos para a xente galaica. Pero tamén dunha actitude rebelde, indomable e chea de vida.
A voz de Laura escóitase polos altofalantes pero a ela non se lle ve en ningures no escenario. Fíxome en que PicoAmperio levanta a mirada e sigo esta pista. Vírome no banco da igrexa no que estou sentada, para mirar por detrás do meu, e vexo a Laura subindo as estreitas escaleiras de pedra pegadas a unha das enormes columnas da igrexa. Escaleiras que antes ían a un púlpito pero que agora van a ningunha parte. A un metro e medio do chan e cantando.
En canto o ritmo da canción se anima, baixa as escaleiras bailando. O resto do concerto non é menos sorprendente.

Para aquelas persoas que non coñezades a este dúo, Laura LaMontagne e PicoAmperio, fusionan a música electrónica contemporánea con diversos campos da tradición galego-portuguesa pero tamén ibérica. Cun carácter políglota e ecléctico, Laura toma tanto da poesía de Rosalía de Castro como das Cantigas de Amigo medievais. As súas palabras son unha interpretación das obras de Lorca, Airas Nunes, Fernando Pessoa ou Martín Códax. Acompañadas por unha producción electrónica cargada de ritmos Trip Hop, creados por PicoAmperio, que manifesta ter un don para crear ambientes íntimos.
Sinto que debo destacar dous momentos especialmente emocionais para min e creo que tamén para moita da xente que estivo allí.
Comezan a canción Ondas do mar de Vigo, unha das Cantigas de Amigo de Martín Códax, ou ben, como dixo Laura: “ou de alguén que compoñía para él. Esta poesía lírica galega que parece un cántico relixioso, toma unha magnitude e emotividade especial dentro do contexto da Igrexa de San Domingos e xunto ao Panteón de Galegos Ilustres.
PicoAmperio acompaña esta canción cunha producción ambient, que comeza con sons da auga e do vento. De ondas que rompen. E esta é realmente a decisión de acompañamento perfecta para esta canción. Pois as palabras de Laura, a musicalidade da fala e o seu potente sentido do ritmo toman gran protagonismo. O que os alemáns chaman Sprechen Melodie, a melodía da fala.
A localización dun concerto pode ter un impacto masivo no que o público experimenta. Nesta ocasión, na igrexa de San Domingos, mentres Laura alzaba a súa voz nun cántico agudo, melodioso e case celestial, pasou de súpeto algo que só podo definir como sublime da increíble e casual perfección de que todos estes acontecementos se désen xuntos: ao momento que Laura elevaba esta nota, agarrando o micrófono, cos ollos pechados, toda a luz que se filtraba polas xanelas intensificouse e cambiou. Unha luz branca, envolvente e case cegadora sextendeuse pola nave e mesturouse coa luz azul dos focos, dando ao escenario un aspecto case irreal. Os ollos enchéronseme de bágoas e sentín que a voz de Laura paralizábame.
