COLEGUIS
Matt Furie
Os cruzados impredicibles do destino poden facer que un personaxe drogota de cómic underground chegue a converterse en símbolo da ultra dereita, comandada por ilustres infames como Donald Trump. Isto último é o que, desgraciadamente, explica o documental “Feels Good Man” (2020), ao redor da espoliación total e absoluta sufrida por Pepe, a ra creada por Matt Furie para os catro cómics que escribiu, entre 2006 e 2011, baixo o título de “Boy’s Club”.
Hai dous anos, a editorial Apa-Apa cómics foi a responsable de sacar adiante a edición en castelán deste emblema do cómic underground norteamericano, nun momento adecuado para demostrar as verdadeiras orixes de Pepe e os seus coleguis de historieta.

Marcado por un grotesco humor hidropónico, as estampas vitais dos seus catro protagonistas, Andy, Brett, Landwolf e o propio Pepe, exemplifican a descrición impresa nesta edición como “primos aínda máis subnormais de Megg, Mogg and Owl”, protagonistas do perverso imaxinario politoxicómano xestado por Simon Hanselman, do cal tamén falamos hai pouco.
Baixo este marco narrativo tan simple, Furie creou unha oda á despreocupación extrema, mediante un póker de seres trazados con liñas mínimas, onde o “menos é máis” convertese en esaxeración máxima á hora de describir a deixadez máis absoluta do día a día de catro compañeiros de piso que poderían ser descritos como a versión máis extremadamente afastada dos de “ Friends”. Neste sentido, as súas andanzas son unha especie de anti-sitcom, cosida por escenas mínimas, resoltas mediante un peido na cara, xornadas maratonianas xogando a videoxogos ou un chiste do cal só te podes rir en pleno colocón.
Non hai freo en tan delirante carrusel de estampas, tremendamente realistas no seu afán, consciente ou non, por expoñer as intimidades máis profundas do ridículo máis obsceno e toda esa clase de situacións perdidas no filtro da memoria intoxicada polo desvarío drogota.
