• ARTISTAS
  • MAG
  • RDF RADIO
  • CICLO VANGAL
  • TENDA
  • CONTACTO
  • CAS

Fanzine Fest presenta o seu primeiro cómic, obra de Pepa Prieto Puy.

23 Novembro, 2021 by Ruido de Fondo Novas

Alita Cómics acollerá este mércores 24, ás 19.30 horas, a presentación do volume, na que participarán o xornalista Marcos Gendre e os directores de Fanzine, Roi Grobas e Pablo Cubeiro.

O festival de música electrónica impulsado por Fanzine Project celebrarase do 30 de novembro ao 5 de decembro e ampliará a súa programación vinculada á creación audiovisual e plástica.

A sétima edición de Fanzine Fest activa a conta atrás. O festival de música electrónica de vangarda regresará aos escenarios coruñeses o próximo 30 de novembro e farao con novidades: por vez primeira, Fanzine Fest edita, da man da plataforma Ruidodefondo.org, un cómic sobre a historia do festival, asinado por Pepa Prieto Puy. Este mércores 24, a partir das 19.30 horas, a tenda especializada Alita Cómics, da rúa Orzán da Coruña, acollerá unha presentación do volume da man do xornalista Marcos Gendre e dos directores de Fanzine, Roi Grobas e Pablo Cubeiro.
Así presenta o volume o propio Marcos Gendre, editor do cómic. “Que Pepa Prieto Puy é un dos valores máis inquietos do cómic nacional é tan evidente como a súa capacidade para reinterpretar en modo serie B gore á icónica boneca dos oitenta Chabel ou esta orixinal presentación do evento electrónico por antonomasia na Coruña, o Fanzine Fest. O feito mesmo de mergullarse ata as mesmas pulsións vitais que definen a idiosincrasia dun festival apegado á súa cidade, da que emerxe a súa tradición de beats e cables a través das viñetas encadeadas por Pepa nunha sucesión característica do seu estilo único, onde os contrastes da cor marcan a tónica dun debuxo con acenos de identidade propia. As dunha alquimista do detallismo obsesivo, capaz de despregar poderes cinematográficos a través da súa habilidade para xogar cos enfoques provenientes do primeiro plano, o plano detalle e, sobre todo, unha profundidade de campo absorbente”.
Polas páxinas do cómic desfilan algunhas das figuras musicais que fixeron de Fanzine Fest un referente absoluto no noroeste peninsular e que suma un novo paso cara á experimentación con outras artes. Neste caso, as artes plásticas están presentes en Fanzine Fest desde a pasada edición, na que Bea Albaladejo acompañou coas súas ilustracións, en directo, as distintas sesións.
Este ano Albaladejo tomará de novo o pulso á música electrónica co seu característico estilo, influenciado polas vangardas do s XX, e que plasma sobre o papel con tinta chinesa.
XA Á VENTA

Fanzine Fest 2021

O festival de música electrónica de vangarda celebrará a súa sétima edición do 30 de novembro ao 5 de decembro. Anthony Rother, Martin Messier, Orbe e Okkre convivirán con outras figuras nun cartel que transitará entre o techno, house, dance, ambient ou punk electrónico. Neste 2021 o festival incidirá especialmente na visibilización do talento local, coa programación de numerosos artistas residentes ou vinculados á cidade herculina. En total serán seis xornadas de sesións en directo e proxeccións audiovisuais que terán lugar no Planetario, Fundación Luís Seoane, Sala Ou Túnel, Teatro Colón e Domus. As entradas para cada sesión están dispoñibles a través da web www.fanzinefest.com. No caso do Planetario, as entradas esgotáronse en menos de 24 horas.
Fanzine Fest 2021 arrincará o martes 30 na Domus coa primeira xornada de FPS-BPM, unha sesión na que se poderán visualizar máis dunha decena de traballos de destacadas creadoras e creadores audiovisuais de Galicia. Ao día seguinte, o Planetario acollerá a estrea en España da película -22,7 oC con música do francés Molécule, e un ao vivo show de Jus Kno. O xoves 2 o festival regresará á Domus da man de Koroiev e dun dos creadores máis singulares da escena folclórico-electrónica: CRNDS. O venres 3 o Teatro Colón vivirá un do momentos máis especiais de Fanzine Fest 2021: o show Cerebral, unha estimulante creación sonora e audiovisual do galego Athal- Berath.O escenario, ademais, recibirá a visita do canadense Martin Messier ou das enigmáticas paisaxes sonoras de Okkre. O sábado 4 a Fundación Luís Seoane acollerá unha sesión non stop na que se sucederán as picadas de Parallax, Rarek, DJ INO e o ao vivo show de Divorce from New York. Finalmente a sala O Túnel acollerá un maratón sonoro no serán do domingo 5 de decembro coas sesións de Anthony Rother, EQX, Fotocopia, Orbe, ROI, Promising/ Youngster e Sputnik Pussy, que estarán acompañados nos visuais por Marta Verde, The Panic Room ou VJ The END.
ENTRADAS Á VENTA
Back
 
 
 
 

 EDITADO EN A CORUÑA POR RUIDO DE FONDO ISSN 2660-7905  – TODOS LOS DERECHOS RESERVADOS –  RDF  © 2020

Utilizamos cookies para asegurar que damos la mejor experiencia al usuario en nuestra web. Si sigues utilizando este sitio asumiremos que estás de acuerdo.Vale