“Étude de la profondeur” é o terceiro disco de estudo de TERRITOIRE, o proxecto persoal do produtor e compositor francés Olivier Arson, desde o que emprende un novo comezo, agora en solitario, á vez que confirma o seu persoal estilo onde sublima todo o aprendido en anos de proxectos e colaboracións en constante mutación.
Gravado en directo nun lugar remoto en metade de Islandia, extrae dun concepto simple —o estudo da caída dun obxecto— unha forza e complexidade en matices extraordinaria, interpretando o movemento, un movemento que renxe, ténsase e explota no silencio das profundidades. Na escuridade total, o que escoita, descobre unha beleza abstracta, desposuída de toda humanidade, unha beleza mineral dunha tectónica imaxinada.
Di Olivier Arson: “A miña intención con ese traballo é simple: gozar do son como unha forza física encima das estruturas musicais. Interpretado en directo nunha granxa reformada cunha acústica excepcional, gocei moito viaxando con ese grupo de sons. Ás veces tiña o control sobre eles, pero a miúdo quedábame atafegado por como respondían ás presións ás que estaban sometidos, e só trataba de guiar as súas reaccións dentro da estrutura que decididira seguir. Esa narrativa, de novo, é moi sinxela: un obxecto cae verticalmente dentro dun o tunel extremadamente profundo ata que alcanza o seu fondo. Durante esa caída, o obxecto atravesa varios estratos e vese afectado por parámetros físicos como a temperatura, a presión, a densidade etc… Traducín eses parámetros a unha serie de regras e procesos automatizados que afectan o comportamento dos sons, e unha partitura gráfica que sigo durante a interpretación. Cada caída, en función da duración dos estratos e pola súa propia natureza aleatoria, é única. Ese disco pois, é o resultado dunha serie de interpretacións gravadas durante 12 días seguidos en setembro do 2019”.
