Que falar de Mircea Cartarescu é facelo do Zulawski das letras é un feito que quedou plenamente corroborado en obras coa ambición quixotesca de “Solenoide” ou na súa saga “Cegador”; seguramente, as novelas máis monumentais editadas en España nestes últimos anos. Semellantes envites contra os límites formais da metodoloxía literaria portaron ao rei da hipérbole cara a un estado maior de alucinación, portadora dun inconfundible xen poético, aquí mostrado desde as súas orixes como integrante da xeración dos “Blue Jeans” romanesa dos anos oitenta. Este foi o punto de partida para este alquimista da palabra cósmica, motivado por crear unha resistencia cultural contra o réxime imposto polo ditador Ceacescu no seu país.
Durante aqueles anos de formación literaria, Cartarescu escribiu centos de poemas, nos que se pode rastrexar o ritmo bebop da xeración beat, a alucinación metafórica de Borges e o influxo de poesía moderna estadounidense de Ezra Pound ou Frank O’Hara.
Todas estas vías referenciais están presentes na selección realizada polo propio Cartarescu para esta recompilación dos seus poemas máis apreciados. E é que o que temos aquí é, nin máis nin menos, que unha auténtica bacanal de musas bébedas sobre o papel. A lente a través da que Cartarescu observa as cousas, frases ou escenas rutineiras nas que ninguén máis pon o ollo definen o ethos lisérxico duns modismos poéticos a través dos que é capaz de abrirnos as comportas da imaxinación, máis aló dos límites da narrativa, aínda que no seu caso isto tampouco ten cabida. O que si a ten é a posibilidade de lembrar epopeas poéticas xa publicadas anteriormente como “O Levante” a partir de textos aquí recollidos como as corenta páxinas de “A caída”, do seu libro “Faros, escaparates, fotografías”, publicado en 1980, o primeiro dos cinco aquí reunidos e que por si só xa xustificaría a adquisición deste testamento literario poético en vida dun dos máis grandes entre as grandes, a maiores, editado de novo por Impedimenta, que para a ocasión nos ofrece unha maquetación mesmo máis atrainte do que neles é habitual.
Nin que dicir ten que estamos ante un dos fitos literarios destes últimos anos, medio milleiro de páxinas dispostas como xanelas abertas en dirección á parte onírica da nosa mente. Unha que queda saciada e con mono de máis, tras o desbordante menú poético aquí recollido.
Mircea Cartarescu, na librería Calders de Barcelona. Foto de