Abel Hernández, alias El Hijo, leva máis de dúas décadas compoñendo e publicando discos. A súa cambiante traxectoria non deixou impasible á crítica musical do país, para quen, na súa actual personalidade musical como El Hijo non só se converteu nun artista referente na escena alternativa española, senón que tamén funcionou como espello sobre o que proxectar as reflexións e preocupacións sobre o contexto socio-político actual.

Tras o golpe de temón transcendental na súa traxectoria que supón a súa inmersión electrónica no EP ‘Fragmento I’ (2015), El Hijo segue indagando nesta senda experimental entre fronteiras estilísticas. El Hijo realiza un achegamento desprexuizado cara a o pop mainstream, pero non un achegamento integrado, nin tampouco apocalíptico, senón subliñando os elementos desa música que xeran un discurso cultural e unha hexemonía política. Labor que foi prorrogada nos aclamados ‘Dentro’ (2018) e ‘Capital Deserto’ (2019) coa mesma dedicación obsesiva aplicada por renovadores da liturxia pop como Disco Inferno na súa serie de EPs publicados nos anos 90. Ao mesmo tempo, interésase máis o concepto de cultura remix; xa que a cultura humana é froito da remestura. El Hijo escolle elementos do pop, o r&b, a vaporwave ou o IDM para elaborar cancións de códigos xenéticos cruzados no seu interior, capaces de facer coexistir a Arca con Los Chichos ou a Ben Frost con bases trap. O seu traballo focaliza na música doméstica, ao que se refire como “as novas formas do folk”. El mesmo sinala como en lugares onde a precariedade económica e material é moi grande hai escenas musicais que son fundamentalmente electrónicas. A cultura da clase traballadora está, hoxe en día, inherentemente mesturada co desenvolvemento da tecnoloxía. El Hijo interésase neste desenvolvemento e na tecnoloxía como facilitadora de solucións e ao tempo como arma destrutiva.
Como ben sinalou Abel Hernández no seu momento, estamos ante a máxima expresión do post-mainstream, finalidade coa que volve xogar en “La Rueda del Cielo”, culmen do devandito concepto, estruturado para a ocasión mediante un brainstorming intertextual onde se superpoñen capas de, entre outros, a Odisea, o Novo Testamento e as bases da ciencioloxía e o cuarto camiño de Gurdjeff, Hannah Arendt, Jacques Derrida, textos da CCRU e Mark Fisher, A cicatriz interior de Philippe Garrel ou Gerry de Gus Van Sant…
Iso dá lugar a un palimpsesto que vira como un bulebule de partículas contaminadas ao redor dun personaxe e o seu fracaso na procura individualista da redención no autoexilio e o anhelo de espiritualidade prefabricada. A cambio, as visións distópicas do seu cyber caos emerxen en formas synthwave ultra orgánicas como ‘ Burberry’ ou mediante brotes celestiais pero apocalípticos de retrousos flamencos, orbitando ao redor do planeta Lole e Manuel, sobre un chan arado coas matemáticas Meitei en ‘Tebas (LA Rueda del Cielo)’. Nesta última canción e en ‘Circe’, pon a súa voz Lauren Casline, unha das tantas colaboracións convocadas co fin de multiplicar os diferentes egos do personaxe e os puntos de vista sobre a historia; por exemplo a través do maiestático feitizo arábigo no que penetra Rodrigo Cuevas (aparición por cortesía de Aris Música/El Cohete Internacional) por medio de ‘Espejismo’, ou na aparición de Jorge Tórtel (que canta en ‘ Burberry’ e toca guitarra acústica en ‘ Circe’), sen esquecer a colaboración con sintetizadores de Juan Carlos Roldán (‘ Burberry’).
