Tras a edición en xullo de 2020 do seu primeiro disco como dúo, “crek noarde / romper sin arder”, en xaneiro de 2022 Discos Belamarh publica o segundo traballo de Juan Crek e Andrés Noarde: un discreto vigor.
Crek e Noarde iniciaron o seu proxecto musical conxunto en febreiro de 2020, cando ás poucas semanas o mundo poñíase patas para arriba e do revés. A circunstancia creada polo confinamento pandémico deveu un elemento máis no proceso creativo e utilizando medios tecnolóxicos deron forma durante catro meses a “romper sin arder” (A. C. OME 2021).
De novo a partir de setembro de 2021 deciden retomar a actividade, a pesar de manterse aínda as restricións que impoñen unha distancia física entre ambos. Seguen compoñendo, compartindo ideas e desenvolvéndoas a distancia desde os estudos de Juan Crek en Barcelona e de Andrés Noarde en Cabrera de Mar. O resultado será máis reflexivo e elaborado tras a experiencia adquirida e coa bagaxe dunha maior compenetración entre ambos.
A gravación prolóngase durante dez meses e as tarefas de produción, deseño e edición final finalizan en decembro de 2021. Nesta ocasión contan coa confianza de Luís Moner (Discos Belamarh) que aposta por unha edición física limitada en CD e a distribución do álbum en plataformas dixitais. Tamén coa colaboración de Marc Parrot para a masterización e co deseño de Anton Molina, que conceptualiza a obra coa súa achega gráfica dunha gran beleza minimalista.

Juan Crek e Andrés Noarde entran en contacto por primeira vez en 1988, tras a publicación dos discos “Espello Rapidísimo Qinqen” de Macromassa e a compilación “Barcelona Ficción Romance”. Naquel momento Andrés Noarde tiña 16 anos e Juan Crek 32.
Entre 2011 e 2017 Juan Crek e Andrés Noarde colaboran por primeira vez xuntos no proxecto Ome Acústic, xunto a outros artistas da escena experimental barcelonesa. A formación ofrece numerosas actuacións en directo e editan o CD “Quietisme” en 2015, que recolle dúas das súas sesións de improvisación.
En 2018 Andrés Noarde exerce de produtor executivo do que sería o último disco de Macromassa publicado antes da desaparición de Víctor Nubla (1956-2020): “Macromassa Sucece Alí” ( Discmedi 1399 01).
En xullo de 2020 a Associació Cultural OME edita “crek noarde / romper sin arder” cuxa distribución en CD físico e plataformas dixitais corre a cargo da discográfica Discmedi- Blau.
