Lagoon é o dúo de música electrónica formado polos ourensáns David Crespo e Tomás Milia. Un proxecto que nace en 2016, tras vinte anos de cultivar unha intensa paixón e coñecemento sobre música, instrumentos e ferramentas de produción.
Crespo e Milia comezaron a centrar a súa mirada cara ao mundo da música electrónica a finais dos 90, actuando como DJs en diferentes eventos e salas da comunidade. Paralelamente, comezan a interesarse polo mundo da produción con diferentes curvas de aprendizaxe.
En 2017 fundan xunto con outros compañeiros de viaxe o selo e colectivo Several Roots, onde publican parte do seu traballo e dan cabida a música e talento patrio de todo tipo.
Este EP é un reflexo claro desa madurez e sofisticado coidado polos sons ben construídos, e sutís variacións que toman o noso humor entre as súas mans e o modelan ao seu gusto e intención.
Por fortuna é sinxelo deixarse caer entre as múltiples mans que conforman 444, o seu novo EP.

444 componse por tres temas orixinais de Lagoon e dous remixes producidos por Shurko Love e Roi, produtor e co-director do festival e selo Fanzine.
Esta é a sensación coa que nos deixa este zafiro estrela:
A apertura de Dtregant é unha sensación de flotación e unha imaxe aberta da Vía Láctea. A medida que os prolongados sintetizadores ondean en picos altos e baixos, escóitase como unha única nota do que parece un xilófono afogado entre ecos, que se acelera repetitivamente ata conseguir unha explosión catártica que dá pé a unha clásica base tecno; e con iso, ao comezo desta viaxe.
A medida que Dtregant avanza, – e sen abandonar as referencias espaciais -, a melodía toma matices máis escuros. Unha voz espeluznantemente grave chama a nosa atención por contados segundos e, tras un momento de calma e illamento, a melodía volve reconstruírse con máis matices e maior velocidade. De cando en vez a voz é intercalada en determinados puntos do track, cerciorándose de que non nos desprendamos da sensación de perigo e misterio.
Dtregant remata suavemente eliminando capas de son e así transiciona ao segundo track deste EP: “Deflected”.
“ Deflected” son máis de nove minutos de tecno melódico, construídos lentamente desde unha melodía atmosférica, e con percusión limitada, que non está afastada estilísticamente do final da pista anterior – o cal ten un sentido continuativo -. A medida que avanza (a partir dos dous minutos de introdución) induce ao público lentamente nunha melodía lineal alegre, aguda e expresiva. Unha melodía para que as túas endorfinas tamén se movan nun loop ascendente e infinito; trasládache a mellores momentos, mesmo algúns que non viviches. Un atardecer con ceo aberto e de tres cores. Un momento relaxado nunha terraza en Eivissa. A promesa dunha noite cálida.
Da mesma maneira que tras o atardecer chega a noite, de “Deflected” pasamos a “DubZero”.
A percusión en “DubZero” comeza como o latexado de corazón dun monstro inmenso e semi-durmido. Ecos e sons atmosféricos que parecen proceder dunha escura e misteriosa cova son acompañados a partir do primeiro minuto por un ritmo dirixido polo snare que, a medida que se desenvolve, transcende as primeiras sensacións de tenebrosidade.
A medida que o noso corazón latexa máis rápido compasado polo ritmo, prodúcese unha repentina pausa. Durante a mesma, comézase a escoitar un tímida pero sofisticada melodía. Segundo esta crece e complícase, chega o esperado momento de explosión, que lanza varios sons que asolagan a canción do mesmo xeito que fogos artificiais asolagan o ceo na noite.

O produtor Roi ten a súa propia versión de “Deflected”, moi distinta da orixinal. Roi comeza cunha percusión minimalista que simula unha especie de rotura; sutil pero rapidamente, proxecta novos e acelerados sons que transforman a atmosfera e parece trasladarnos a un mundo dixital e surrealista. Unha escena de videoxogo de 8 bits na que as misións requiren toda a túa atención e lóxica; onde estraños personaxes tocan jazz con unicamente instrumentos de percusión.

Shurko Love crea unha nova versión de Dtregant, na que – respectando os sons atmosféricos orixinais – decide comezar cunha afastada base de uk garage. Este son breakbeat escóitase coma se estivese a quilómetros e o eco trouxésenolo o vento, mentres oteamos o horizonte buscando os signos desa inminente festa. O son se modula, achégase e afasta, dá unha volta na nosa cabeza e, tras filtrarse ata case desaparecer, rompe nunha firme e clásica base.
A voz grave, susurrante e lúgubre (pero extrañamente sexy) voltou. Shurko Love conxunta e compensa nas mensaxes vocais a percusión e as melodías atmosféricas, creando unha melodía breakbeat chea de ritmo e misterio.
444 caracterízase por un sofisticado coidado por sons ben construídos e sutís variacións que toman o noso humor entre as mans e o modelan ao seu gusto e intención.
Unha preciosa xema obsidiana.

A finais dos 90 comezastes no mundo da música electrónica como espectadores e amantes, o cal evolucionou a que vos convertésedes en DJs e finalmente en produtores. Nestes anos, notastes cambios evidentes nas tendencias dentro da escena da electrónica contemporánea?
(T) A esencia é a mesma, cambian as formas de relacionarse e os medios dispoñibles para a creación musical. Cada época ten as súas cousas boas e a súa cousas malas, é cuestión de quedar coas boas. Iso si, coa situación actual, pódese dicir, sen que che tachen de antigo, que calquera época pasada foi mellor.
Xeralmente a esfera da arte e da música é un mundo no que a túa presenza nos escenarios moitas veces depende dos teus contactos, por iso mesmo moita xente desta escena mudase a cidades grandes. Que significa ser produtor de música electrónica e vivir en Galicia? Que partes positivas e negativas pode ter?
(D) A pesar de que aínda quedan valentes esforzándose por ela, a parte negativa é que non gozamos dunha gran escena. Galicia pasou por momentos máis potentes en canto a oferta de lecer electrónico e a situación actual non é unicamente debida ao COVID, é algo que xa viña debilitando desde hai tempo. A parte boa é que vives en Galicia [risas] e iso non o cambiamos por nada, así que toca combater a parte negativa achegando o noso gran de area no que podamos.
Así como o resto de artistas en Several Roots, Lagoon inclínase por un estilo de música electrónica moi concreto que, segundo a miña consideración, sitúase entre o tecno melódico e o Balearic Trance. Que vos levou a cultivar estes xéneros? Buscades construír un ambiente ou sentimento concreto a través deste tipo de música?
(D) Non temos ningunha clase de condicionamento cara a un estilo concreto de música, gústannos moitas vertentes da electrónica, ademais non son especialmente bo coas etiquetas [risas]
(T) Si, acoutar xéneros sempre é unha tarefa complicada e un terreo bastante difuso. En Several Roots pásanos un pouco o mesmo a todos, non nos atamos a ningún estilo en concreto, miramos que nos guste e que teña identidade. O xénero ou a maneira de chamalo é secundario para nós.

Dentro dun mundo que pode considerarse minoritario é moi beneficioso saber construír e manter unha comunidade, como o fixestes con Several Roots. En ocasións é posible que se produza unha especie de efecto endogámico, dentro do cal, o que se produce diríxese a esta comunidade concreta e móvese sempre dentro dos mesmos círculos.
Que opinades disto? Como tratades de chegar a un maior alcance- internacional-, se é o caso?
(D) Entre os membros do colectivo procuramos sempre que se o EP é dalgún de nós, os remixes sexan de fóra; e se o EP é de alguén convidado que os remixes sexan de casa, isto enriquécenos a todos e crea sinerxias moi positivas.
En canto á expansión non nos preocupa demasiado, o que teña que chegar chegará se ten que chegar. Desde logo, a nosa máxima é estar orgulloso de cada lanzamento e gozar do proceso todo o que podamos.
Esta pode ser a miña obsesión persoal pero non vos preocupa a falta de paridade no mundo da música electrónica?
(T) Na electrónica e en todas as facetas da vida, sobre todo na política, onde as mulleres demostraron sobradamente non estar tan influenciadas polo ego e o poder como os homes. Na electrónica, en concreto, o desexo é que todo se base na calidade da persoa, independentemente do seu xénero e/ou condición, e que isto nin lle lastre nin lle beneficie. Este é o noso desexo. É obvio que non se cumpre habitualmente. Aínda así, non perdemos a esperanza en crer que a persoa que ten a calidade e a paixón necesaria, tarde ou cedo, acaba recibindo o que se merece.
Nunha entrevista anterior con Lefrenk, tamén compañeiro produtor, cando lle preguntei se vía puntos en común na xente que lle gustaba o tecno respondeu “a maior parte adoita ser xente aberta de mente”. Considerades que pode existir unha relación entre a política e os distintos xéneros de música?
(D) A Fran (Lefrenk) coñeciámoslle virtualmente desde hai bastante tempo pola súa música e tivemos o pracer de coñecerlle persoalmente no Fanzine Fest de 2019. A verdade é que non vai desencamiñado no que di, aínda que tamén é verdade que hai de todo en calquera estilo. Na electrónica poden predominar as mentes abertas si, pero pechadas, ˈ habelas, hailas.
( T) Se nos guiásemos pola política actual só teriamos dous xéneros musicais, o A e o B, e deberías alienarche cun deles e odiar ao outro. Afortunadamentela a música e a súa variedade permítenos outro tipo de interaccións moito máis enriquecedoras.

Como é o proceso de producir como dúo? Mandádesvos distintas partes que cada un vai modificando por separado ou o facedes á vez no estudo?
(D) En tempos normais quedabamos cada semana e traballabamos xuntos ideas xestadas nos nosos respectivos estudos ou simplemente faciamos cousas novas. Hoxe en día, con isto que nos tocou vivir, pois toca teletraballar [risas]. Afortunadamente hai ferramentas para traballar no mesmo proxecto cada un na soidade do seu estudo, deste xeito imos enviando ˈsnippetsˈ de ideas e cando vemos que hai unha converxencia trabállase en común.
Debe ser enriquecedor non estar só á hora de compoñer e facer directos. Que partes gústanvos de ser un dúo e cales vos resultan máis difíciles?
(T) O mellor é que compartes unha paixón e é máis fácil mellorar, catro orellas sempre escoitan máis que dúas. A parte menos bonita é que ás veces poñerse de acordo é complicado, pero o primeiro compénsao con fartura isto último. Ademais, cando vas tocar a algún sitio, cargar entre dous e ter un compi de baile e risas garantido sempre é un plus [risas]
(D) Si, como tándem de esmorga somos imbatibles [risas] Efectivamente a parte menos agradable é cando non se está de acordo ou non se dá chegado a porto, pero é algo que se compensa dabondo cando por exemplo estas encallado nunha idea e vén o teu compi, che casca un cambio e sácache da fochanca. Somos moi distintos e iso é enriquecedor cando sabemos superar as diferenzas.
