Howie Lee. Sen fogar e sen fronteiras.
A estas alturas, seguramente xa oíches falar de Howie Lee, un dos nomes máis importantes da música electrónica contemporánea chinesa. O seu estilo é unha colisión perfecta entre folk e modernidade, fusionando samples electrónicos con instrumentación tradicional chinesa pero tamén doutras orixes, especialmente asiáticos e africanos. Howie Lee navega entre as bases hip hop, o techno, o jazz e a música experimental. Amante da estética ciberpunk, fascinado coa natureza humana e a súa relación co mundo virtual, resentido coa cultura de grandes masas e artista multifacético – interesado tanto na música como na arte visual –, Howie Lee non deixou indiferente a escena cultural internacional.
O 4 de Setembro do 2020, Howie Lee publica con Maloca (discográfica belga) “Seven Weapons” (7 armas), o seu último álbum. Un último conxunto de pistas híbridas e paisaxes sonoras multifacéticas. O título fai referencia a unha serie de historias con temas de artes marciais do novelista chinés Gu Long, escritas durante a década de 1970 e fundamentais para o prestixio do autor no xénero wuxia. Pero aquí os títulos de sete pistas de Lee non teñen relación con ningún da serie “Seven Weapons” en si. Con todo, se tivésemos que pescudar a súa relación, podería sinalarse que estes 25 minutos de produción dixital moderna, afinacións folclóricas chinesas tradicionais e excursións de jazz picantes reflicten tanto a disciplina como a forza, como se ensina a través das habilidades adquiridas nas artes marciais, transmitidas ao longo de milenios.
Este canto á forza e a continuación tamén se pode ver reflectido nos seus tres álbums “Socialism Core Value” (Valores Fundamentais do Socialismo) I, II e III; publicados – un por ano – desde o 2017 ao 2019. A obra de Howie Lee, posiblemente moi en ton coa personalidade que mostra nas súas entrevistas, parece sorprender á vez que deixa un sabor agridoce na boca. Unha sensación que mestura a euforia e a desesperanza, como ben nos fan sentir as películas de futuros distópicos, incertos pero non improbables.

En 2011, Howie Lee foi un dos fundadores do colectivo Do Hits, que rematou sendo un dos colectivos de DJs máis progresistas e dos máis famosos en toda Asia; con artistas como Alex Wang e LOFIMAKER. Mentres tanto, tamén comeza a publicar en solitario e a deixar a súa propia pegada internacionalmente en selos como SVBKVLT, Alpha Pup Records, Trap Door, entre outros.
Moita xente, con todo, coñeceulle tras crear un remix para Snoop Dogg, que mudou o seu nome artístico – desde o 2012 – a Snoop Lion (1), mentres vivía en Londres.
1 Este cambio de nome responde a un intento de desprenderse de connotacións negativas cara ao abuso de substancias ilegais ou da sexualización das mulleres e de achegarse a unha imaxe de amor e paz, de “Bob Marley reencarnado”, segundo as súas propias palabras.
As ideas estéticas que parecen impulsar a este prolífico produtor parecen nacer dunha curiosidade pola vida humana e o seu devir: a memoria tradicional retocada polos medios da era moderna, a fráxil beleza da natureza en supervivencia coa devastadora hiper-produtividade tecnolóxica.

Howie Lee naceu en 1985 en Pequín, capital de China. O seu nome de nacemento é Li Huadi. Foi a súa nai quen, á tenra idade de seis anos, insistiulle en que aprendese a tocar un instrumento. Así comezou co teclado electrónico.
Howie Lee non tiña ningún artista de referencia na familia e ningún dos seus pais dedicábanse á música. Con todo, o seu avó escoitaba a música xianggong.


Ao ingresar na escola secundaria, Howie Lee descubriu e quedou profundamente conmocionado pola música rock occidental. Comezou a aprender a tocar a guitarra e, pouco despois de ingresar na Universidade de Comunicación, tocou nunha banda punk. Ao redor de 2005, cando as bandas indie chinesas explotaron a gran escala, a súa banda adoitaba actuar dentro e fóra do campus. A boa situación da contorna xeral e a reacción positiva do mercado tróuxolles oportunidades, pero aquí produciuse un punto de inflexión entre Howie Lee e o resto de membros: cando recibiron unha oferta dunha discográfica Howie Lee decidiu que o seu destino non era facer música “maioritaria” (mainstream).
A desconfianza nos gustos do mercado xeral e o seu desinterese por este mundo fixo que deixase a banda. Esta idea arraigouse no corazón de Lee, quen – a partir dese momento – sempre conectou coas tendencias da cultura musical underground ou minoritaria.
Por outra banda, expresou a súa indiferenza ante a idea de ser famoso (citas extraídas da entrevista en wooozy.cn). Tómase con certo cinismo a idea de ser soada: “Realmente non quero ser famoso, só recoñezo o diñeiro. Cando estiven no estranxeiro coñecín a persoas que respectaban o meu traballo e pagábanme ben por iso”.
En 2011, Howie Lee formou o colectivo Do Hits con tres DJ de ideas afíns: Sulumi, Guzz e Billy Starman. Cantaban e actuaban regularmente no bar “School”, en Beijing. A súa intención co colectivo era, como sempre adoita ser nestes casos, ter unha comunidade de xente de intereses comúns. Sentirse menos illados:
“Por que fixemos Do Hits? Porque as persoas solitarias como nós non temos un escenario”. Para ser como nós mesmos, necesitamos comunicarnos e compartir. Do Hits creou unha comunidade e por iso persistiu ata hoxe, converténdose no paraíso máis influente, distintivo e suorento para os amantes da música de baile (dance) en todo o país.
Como resultado, Howie coñeceu a máis produtores de música electrónica, incluído Harikiri, un produtor británico con sede en Pequín: “Foi o primeiro no país en facer ‘Beatmakers’ (conferencias e talleres de artistas de música electrónica) Nese momento, a maioría dos participantes eran estranxeiros”. Howie Lee admiraba especialmente a Harikiri e o seu estilo musical.
A través desta influencia, Howie Lee comezou a explorar máis os xéneros musicais de orixe británica, como o UK garage e o dubstep. Harakiri e el mantiveron unha estreita comunicación desde entón, e mesmo foron compañeiros de piso durante un ano, cando Howie Lee estudou no Reino Unido.
Durante este período da vida no estranxeiro, non só aprendeu coñecementos relacionados coa teoría da arte sonoro, senón que tamén mellorou a súa capacidade para cuestionar a arte e a sociedade. Howie Lee recoñeceu que vivir en Reino Unido cambiou a súa visión de occidente e cambioulle a el mesmo como artista e como persoa.
Tras regresar a China, tiña unha visión distinta sobre como operar e cales eran os seus obxectivos: expandiu Do Hits nun selo discográfico que publica tanto obras dentro do país como do estranxeiro, e coa axuda deste medio, explorou aínda máis a súa identidade persoal no contexto da música global. “No proceso de exploración constante, escoitei tanta música folk que gradualmente se converteu na miña especialidade”.
No seu primeiro álbum de longa duración: “Mù Chè Shā n Chū”, lanzado a finais de 2015, Howie Lee usou deseños, ritmos e complicadas estruturas contemporáneas aplicadas en diversas músicas folclóricas e baladas que mostran unha narrativa e un estilo profundamente oriental.
Estas características continuaron e desenvolvéronse no EP do 2017 “Homeless”, concepto que nacía dun contexto no que os problemas da globalización e os problemas dos refuxiados, xunto coa ansiedade interna de Howie Lee causada por cuestionarse a súa propia identidade levouno a explorar o concepto de “fogar” e as fronteiras do mundo. Utilizando elementos relacionados con tradicións das minorías étnicas en Xinjiang, Tíbet, Yunnan e outros lugares.

A era da internet está a facer que o concepto de xeografía careza de sentido na creación artística; a música electrónica escapou durante moito tempo ás restricións de estilo cando se “apropia” – co debido respecto – de varias culturas e rompe as barreiras dos conceptos tradicionais.

Unha vez rematados os días de observar a cultura tradicional en Taipei, Howie Lee mudouse de regreso a Pequín para vivir nunha casa lonxe da cidade. Alí vive tranquilo producindo e facendo “jams” con amigos e amigas de cando en vez.
